|
|

|
::HISTORIA
17 anos de Marcha polos Montes de Brión
|
|
En 1990 o Clube de Montaña Ferrol recibiu a invitación do concelleiro de Deportes Emilio Beceiro para facer unha xornada de camiñadas dentro do programa de actividades deportivas do verán.
Por aquel entón, os montes de Brión e a península de Prioriño eran terreos percorridos polos membros do clube, ao tempo que o seu primeiro presidente, Gerardo García Pardo, lles relataba aos camiñantes a historia da batalla do ano 1800.
A esa actividade sumábase o interese do Concello por falar dun feito histórico pouco reivindicado e de promocionar unha zona tan impresionante como é a entrada da ría de Ferrol, Monteventoso e os altos de Brión. Así naceu o proxecto da Marcha polos Montes de Brión.
|
|
Nesa primeira edición de 1990 xurdiu tamén a colaboración espontánea dos veciños de Brión. 50 brioneses ataviados á usanza, "enfrontáronse" aos 75 participantes, nunha batalla que tivo como resultado final unha comida nun souto da zona de Liñares.
En 1991 intentouse facer a marcha desde Doniños, cun bus ata Punta Penencia. Aínda que ese traxecto percorría dun xeito máis fidedigno o escenario do desembarco, non resultaba unha ruta tan agradable, polo que no ano 92 se voltou ao formato percorrido na primeira edición, e que se mantivo ata hoxe.
O paseo en lancha a partir das 9:30 da mañá, o desembarco no castelo ou o itinerario ata San Cristóvo e Cariño, observando as antigas baterías costeiras, para ascender ata Monteventoso son algúns dos momentos clásicos da marcha.
Contra as dúas da tarde o encontro cos veciños nos altos de Brión e a comida autenticamente campeira colocaban, no ano 1999, máis de mil persoas gozando da xornada de camiñada en lembranza da historia e coñecendo as zonas naturais do concello ferrolán.
Un novo acto inclúese no programa desde hai cinco anos, coa entrega dun mallo ao "Inglés máis combativo" a algún participante que fixese a marcha enteira. Así, na primeira ocasión recibiuno unha nena de dous anos.
Este premio tamén recaue en Michael Greenfield, o primeiro inglés que participou (aínda que era escocés), e que fixo cantidade de caricaturas dos participantes, que remataba asinando como Migueliño Greenfield.
Ao longo das dez edicións anteriores, a marcha contou coa participación dos alcaldes Manuel Couce, Juan Blanco e Xaime Bello, e de diferentes concelleiros, como Fernando Miramontes, Emilio Beceiro, Castro Cancela, Montserrat Rodríguez ou Fernando Blanco.
Sen dúbida non se pensaba, alá polo ano 1990, que esta iniciativa deportiva ía perdurar con tanto éxito durante once anos e que, neste novo século, celebrariamos o segundo aniversario da Batalla de Brión cun gran número de actos, o que amosa a total recuperación dun dos momentos máis destacados da historia de Ferrol.
|
|
::A BATALLA
|
|
O 25 de agosto do ano 1800, unha flota inglesa con máis de 100 velas arrivaba ás costas ferrolás nunha acción sorpresiva, para causarlle un golpe moral ao expansionismo napoleónico e mais unha baixa física á flota española; parte das súas naves atopábanse na nosa ría. |
O vicealmirante John Warren viña ao mando dun continxente de 7 navíos, 6 fragatas, 5 bergantíns, duas balandras e unha goleta. Un total de 21 buques de guerra protexendo 86 transportes que contiñan 15.000 soldados principalmente de Infantería e Cabalería.
Na nosa ría estaban os navíos San Hermenegildo, Real Carlos, Argonauta, Monarca e San Agustín; as fragatas Mercedes, Asunción, Clara e La Paz; dous bergantíns, o Palomo e máis o Vivo; 6 canoneiras e outras catro en Ares, que viñeron rapidamente a defender Ferrol. En total as tropas militares eran preto de 2.000 e xunto cos voluntarios non sumaban máis de 3.000, e cuns reforzos en difícil situación para se achegaren.
A situación social era realmente insostible, pois os militares non cobraban dende había 5 meses, a fame e a pobreza estaban presentes na realidade da cidade e, en xeral, a nosa praza estaba desgornecida. Á fronte dela estaba o conde de Donadío.
O día 25 era a festa do santo da Raíña María Luísa, polo que en Ferrol, os oficiais estaban realizando un acto oficial. Foi de mañá, cando o vixía de Monteventoso deu a voz de alarma, aínda que, en principio, se pensou que era unha flota que ía cara ao Mediterráneo.
Pronto enfiaron cara á praia de Doniños e San Xurxo, polo que se veu claramente que era unha invasión.
Rapidamente as naves locais tomaron posición fronte toda a costa da Cabana e da Graña, chegando dende a Malata ao Vispón.
Mentres os ingleses desembarcan en Doniños e uns poucos en San Xurxo. Os fortes destas praias non aguantaron nin os primeiros ataques e retrocederon os sesenta homes destas tropas para xuntárenselles aos que viñan dende Ferrol.
Un primeiro grupo de militares e homes da bisbarra armados con ferramentas de labranza empezou a remontar dende a Graña cara a Balón; á fronte estaba o capitán de navío Juan Bautista Topete, un dos grandes heroes desta xesta. Pola Malata e Serantes camiñou o rexemento de Ourense, gañando as alturas da Cabana, e no medio destes dous grupos estaba o rexemento de Guadalaxara. Ó chegaren á cima, xa con noite, fixeron unhas pequenas escaramuzas contra os ingleses co fin de tentear o inimigo, que era o núcleo da forza invasora. Os ingleses sabían do pequena que era a forza ferrolá, así que comezou unha manobra envolvente, desprazándose cara a San Felipe, tentando coller a Topete de fronte pola esquerda.
Pero á súa vez Topete mandou moverse tamén cara ao castelo, así que os ingleses seguían atopándoos de fronte, con gran sorpresa, porque parecían máis dos que eran. Ademais o terreo era abrupto e arborizado, co que os defensores levaban as de gañar, e os invasores comezaron a desfacerse en pequenos grupos que eran fácilmente atacados, tendo que retroceder rápidamente, cunha vintena de baixas e un primeiro golpe moral.
De noite fíxose a calma, e contan que os ferroláns prenderon moitos lumes en todo o monte simulando moita máis cantidade de xente da que eran. Mais cando chegou o día, a realidade amosou un exército inglés equipado, armado e vestido como nas películas.
O continxente británico facía unha fronte con centro en Balón estendéndose en angulo obtuso cara a San Felipe e Serantes, mentres que os ferroláns eran unha aguda cuña, estirados en fila de a un pero sen fondo. Tentaban frear a baixada contra Ferrol pola Malata. Cara ao castelo non había cobertura defensiva dada a escaseza de tropas.
A medida que chegaban reforzos a Ferrol de Betanzos, da Coruña, etc. eran embarcados en calquera cousa que aboiase en dirección á Graña e á Cabana co fin de reforzar a fronte de batalla.
A iniciativa foi dos ferroláns, e lanzáronse sorpresivamente ao ataque, ante o que os ingleses empezaron a retroceder. A intención posterior foi de novo envolver as débiles pero orgullosas tropas locais, que ante aquel retroceso se encoraxaron, pero cando se observou que había movementos envolventes, axiña se fixo unha retirada, xusto no momento en que chegaba o Batallón Inmemorial e as Milicias Reais, que foron un valioso apoio para a retirada cara á Graña.
Mentres, a ala dereita, en Serantes, lograra deter o avance por este lugar, e foran reforzados polos Cazadores de Xubia, co que os ingleses atoparon unha segunda fronte de batalla na zona. Asemade os campesiños e lugareños de toda a comarca íanse unindo ás forzas defensoras xogando un importante papel que fixo retroceder as forzas inglesas, cortando o paso a Ferrol, e o apoio ao groso dos invasores centrados na zona de Balón e Brión.
Todo isto desconcertou, de xeito definitivo, os ingleses, que viraron cara á Cabana onde o fogo do bergantín o Vivo acabou de poñelos no seu sitio.
A loita na Cabana, Vispón e San Felipe, fíxose corpo a corpo, e detrás de cada recuncho apostábase un ferrolán, converténdose nunha guerra de guerrillas. Os reforzos seguían chegando da Coruña, Ares, Betanzos, etc. e atravesando en dirección á Graña, a situación facíase cada vez máis angustiosa para os ingleses, que dende o alto, vían unha trasfega continua de continxentes dende Ferrol. A cabalería inglesa foi desfeita entre a espesura do bosque.
San Felipe foi sitiado por tres veces, centrando o inimigo a acción alí con catro mil homes, pero a artillería fixo efecto nos invasores, e os vencedores, dende arriba, colleron entre dous fogos aos asaltantes. Estes retroceden por fin desordenadamente. Ao mencer do 27 os ingleses empezaban a chegar a Doniños e reembarcar cada un como podía.
A media mañá os sobreviventes poñían rumbo ás costas británicas, mentres que na noite do 26, Ferrol engalánase e convértese nunha apoteósica celebración da victoria.
Contan que mentres, en París Napoleón brindaba: "polos valentes ferroláns". E como nos dixo un vello de Brión, como se o vivise: "neniño, e como chegaron a Doniños
".
(Datos do libro de D. Guillermo Escrigas "Ferrol Heróico")
|
|
::PERCORRIDO
|
|
O percorrido da Marcha Montes de Brión mantense sen variacións desde a segunda edición, seguindo o marcado na rota de camiñada PRG-6 do Clube de Montaña Ferrol.
|
Peirao de Ferrol
Sairemos desde aquí, cruzando a ría cara a San Felipe, onde comezaremos a camiñar.
San Felipe
Atravesando esta pequena poboación asentada nas ladeiras dos montes brioneses, camiñaremos paralelos á costa por enriba do que é a canle de entrada da ría.
San Cristovo
Nesta pequena vila aínda quedan na costa restos do castelo que tamén no seu día defendeu a boca da entrada. Proseguimos camiñando entre algo de vexetación por enriba das calas que forman a entrada de San Cristovo, e a súa capela. Máis adiante divisaremos o que foi o castelo de San Carlos, outra batería costeira de defensa.
Cariño
Pequena praia con prácida enseada, dende onde comezaremos a subir por unha estreita e pronunciada pista, que será a máis cansa de todo o noso percorrido, camiño de Monteventoso.
Monteventoso
Desde este alto (256 metros), divisaron a chegada dos barcos ingleses hai 200 anos, pero a nós, nos chegará con ver a praia de Doniños, costa de Prior, e no fondo a costa coruñesa. Descendemos cara ó Confurco por un estreito camiño.
Confurco
Neste lugar, antes de empezar de novo a subir a pequena costa cara a Brión, pararemos a coller aire e a tomar un refresco fresquiño, así como a visitar a zona.
Montes de Brión
Despois de deixar O Confurco remontamos unha pista de terra ata chegar a unha pequena repoboación de piñeiros, desde onde se volve a ver toda a entrada da ría de Ferrol. Logo subiremos por un cortalumes cara ó interior dos Montes de Brión, desde onde veremos o val de Doniños.
Encamiñámonos cara a Liñares, e alí xa veremos o que pasa.
Liñares
Comeremos á sombra duns piñeiros nun campeiro que os brioneses prepararon para tal fin. Aínda que non hai fonte, non haberá escaseza de bebidas fresquiñas que serán levadas ata alí.
A excursión organizada remata aquí. O camiño de regreso ata a Cabana e Ferrol, farase de forma discreccional, con liberdade de horario, aínda que toda a ruta está marcada. Esta ruta atravesa os seguintes lugares:
Monte Fontelo
Desde aquí divisaremos unha impresionante vista da cidade de Ferrol, baixaremos cara a Brión, polo cortalumes que se abre aos nosos pés.
Brión
Xa no lugar de Brión comezaremos a camiñar cara á Cabana, por uns camiños que descenden entre eucaliptos, xusto ata a parada do bus.
A Cabana
Xa na estrada desta poboación, pódese regresar ata Ferrol a pé, ou ben esperando o bus que non tardará en pasar.
|
|
|
|
|
|
|
|